5/24/2012

Os nosos poemas

Ben, despois dun periodo tan creativo, que esperemos que continúe xa para sempre, logramos facer este pequeno libro onde recollemos algunhas  das nosas creacións. Non poden estar todos os poemas, porque senón sería un libro infinito, pero si contén unha boa mostra do traballo feito ao longo deste tempo. Temos que felicitar a todos os creadores, porque o entusiasmo demostrado foi moi grande, poucas veces unha actividade os engachou tanto. Parabéns a todos. E seguide así. Facédelo moi, pero que moi ben.

"Digo Fragas do Eume" de Marta Rosende

Cando buscabamos temas para o noso poema colectivo versionando "Digo Vietnam" Marta propuxo denunciar a catástrofe ecolóxica ocorrida co incendio das Fragas do Eume. Ao final gañou o tema da crise, pero Marta seguiu coa súa idea. Esta é a  súa denuncia:




Digo axencias EFE
a penas digo nada.

Digo fraga e incendio
de lume ameazador.

Digo árbores de Galicia,
calor de tarde e bosque,
temor de extinción e tristeza.

Avións, helicópteros, brigadas,
axentes forestais, motobombas.

Digo incendio devastador,
velocidade de vertixe, lume, suor, devoramento.
Auxilio, falta de luz, contaminación
e escuro ceo na fraga.

Digo 700 hectáreas queimadas,
a penas digo nada.
Digo incendio inmenso,
devorador de hectáreas,
Digo temor, lume,
vento, revolución,
velocidade, sequía, inquietude, pobreza natural,
medo, parque natural.

Digo inconsciencia que causa desgrazas.
A penas digo nada.
Digo Fragas do Eume e xa está todo dito
cunha soa palabra.

Para denunciar a deforestación no mundo
digo Fragas do Eume e basta.
Marta Rosende 1ºD