11/26/2013

Día contra a violencia de xénero.


-  FIÑO...
- Chsssssss.
- Fiño...
-Chisss, cala, Lucía...
- Por que estamos calados?
- Por que estamos xogando.
- Por iso estamos debaixo da cama?
- Si, cala. estamos xogando ás agachadas.
- Pero, se estamos os dous debaixo da cama, quen  nos busca?
- Ummmmmmm... Mamá.
- Fiño.
- Que.
- É que mamá leva un cacho chorando e berrando na cociña.
- E que?
- Que non nos está buscando.
- Lucía, cala.
- Fiño, non me apertes, vasme mancar.
- Cala.
- ...
- Xa está, xa podes falar.
- Es parvo, fixéchesme dano.
- Era para que calaras cando entraron os zapatos.
- Pero non eran os de mamá!
- Por iso.
- Eran os zapatos de papá!
- Por iso mesmo.
- Pero el non está xogando ás agachadas!
- Xa o sei, Lucía, pero cando el entra hai que calar.
- Fiño.
- Que-
- E cando podemos saír de debaixo da cama?
- Cando se escoite o ruído da porta e veña mamá a buscarnos.
- Pero se mamá sabe onde estamos, non vale!
- Si que vale.
- Non, non vale porque ela non quere xogar ás agachadas!
- Ah, si, e ti como o sabes?
- Porque ela quere xogar aos pallasos! Non ves que sempre vén coa cara pintada de pallaso!
- Estate quietiña, Lucía, por favor.
- Eu non quero esstar máis debaixo da cama. Este xogo non me gusta.
- Vale, xa te oín, pero agora estate quieta. Cando se escoite o ruído da porta saímos.
- Estou enfadada, non me gusta.
- Veña, mañá xogamos a outra cousa.
- Si, Fiño? E a que? E a que?
- A ser invisibles.
- E como se xoga a iso.
- Xa o verás.
- E mamá vai xogar tamén?
- Tamén.
- E papá?
- Papá terá que encontrarnos, pero como seremos invisibles, seralle difícil. O importante é que non nos descubra, vale?
- Vaaaaale, podemos saír de debaixo da cama xa?
- ...
- Fiño.
- Que.
- Fixen pis.

ANEIROS, Rosa: Ás de bolboreta. Ed. xerais. Col. Fóra de xogo. (Pp. 187-189)





-

11/24/2013

NARRADORES DE PRIMEIRA/O

Témol@s, e moitos. Parabéns a Diego por ser o primeiro en lanzarse con esta historia tan ben escrita.




A excursión nocturna
O día 23 de maio o colexio tiña preparada unha saída ao monte e recordo que eu me atopara mal e non puidera ir.
Levaba semanas agardando, mercara calzado novo e unha gran mochila. Decepcioneime moito cando, pola mañá, miña nai viume mala cara e mediume a temperatura, tiña 38 graos. Quedei na casa moi triste.
Xa pola noite, meus pais saíron pasear e aproveitei que non estaban para ir ao monte, aínda que fose só. Puxen a roupa que comprara e marchei en bicicleta, ocultándome cada vez que alguén pasaba ao meu carón. Cando cheguei ao monte, primeiro achegueime ao río para refrescarme, pois fixera un gran esforzo, e ademais tiña febre. A pesar de todo estaba contento pero, de súpeto, comezou a tronar e, do susto caín ao chan. Entón, a bicicleta envorcou e foi parar ao río. Ademais, pareceume sentir o ouveo dun lobo. A partir dese intre, calquera son me espantaba, e comecei a crer que fora mellor quedar na casa. Decidín poñerme en camiño para volver, o malo era que o mapa e o compás que levaba comigo caeran ao río xunto coa bicicleta. Nese momento lembrei as leccións de orientación do profesor de Ciencias Sociais e busquei a estrela Polar, pero había demasiadas nubes e non a atopei. Pensei que a mellor opción sería esperar a que saíse o sol e orientarme mediante as sombras que produce. Iso sí, primeiro debía atopar un lugar onde refuxiarme. Calculo que tardei unha hora aproximadamente, non o sei con certeza porque non levaba reloxo. Pero por fin o conseguira, atopara unha cova que me causaba bastante medo, porque non tiña idea do que podería haber dentro, pero tiña frío e permanecín nela, aínda que non puiden conciliar o sono. Cando amenceu, por fin conseguín saber cara a onde ir, e así volvín á casa.
E resultou que a viaxe saírame cara. Castigáranme un mes sen saír, rompera a roupa nova, perdera o compás e a bicicleta e, por riba, subírame a febre. Iso si, fora ao monte.

                                                                                          Diego Teijo Barral , 1º D

11/18/2013

A música en A banda sen futuro.






A Carlota gústalle a música, axúdalle a levar mellor os malos momentos polos que está pasando. Óscar Iglesias, profesor de música do IES Viós e integrante do club de lectura Os Viós-bardos do mesmo centro, elaborou o seguinte vídeo cando o club leu esta obra; nel  recolle esa música que lle gusta a Carlota, achegando  unha información moi interesante.  O vídeo quedoulle tan ben que a propia Marilar o felicitou. Agora Óscar cédenolo, para que tamén nós poidamos desfrutar del. Grazas, Óscar, de parte dos rapaces e rapazas  de 2º da ESO do IES Francisco Aguiar.

11/13/2013

Publicidade en 2ºD

Os publicistas de 2ºD, despois de espremeren os miolos un tempo, crearon os anuncios que vedes na seguinte presentación. Como podedes observar, o obxectivo era publicitar o uso do galego entre os rapaces e rapazas do instituto.Todo un reto. Agora queremos escoller o mellor, pero non nos resulta fácil, por iso pedimos a vosa colaboración: cal vos gusta máis? Cal cumpre mellor co obxectivo? Axudádenos cos VOSOS COMENTARIOS. Para participar tedes que identificarvos e xustificar a vosa elección. Á volta de Nadal daremos por vencedor o anuncio máis comentado.


11/11/2013

A banda sen futuro de Marilar Aleixandre.




Presentámosvos  a Poch, o personaxe con quen reflexiona Carlota, a protagonista de A banda sen futuro. Carlota está pasando un mal momento e parécelle que o mundo está contra ela, os primeiros seus pais, que a obrigan a ir ao instituto e coa cabeza rapada. Podedes imaxinar maior traxedia? Realmente é coma se pertencera a unha banda sen futuro. Poch razonará con Carlota e axudaralle a poñer as cousas no seu sitio
OA banda sen futuro é tamén o nome do primeiro grupo musical de  Ignacio Gasca, Poch, que despois de pasar por Pegamoides e Ejecutivos agresivos e de colaborar con Pedro Almodóvar en Laberinto de pasiones, formaría Derribos Arias, o grupo co que acadaría os seus mellores éxitos nos anos oitenta, dentro da música pop española.
 Se clicades neste enlace da Editorial Xerais obteredes información sobre a novela que quizais vos facilite a súa lectura.