11/26/2013

Día contra a violencia de xénero.


-  FIÑO...
- Chsssssss.
- Fiño...
-Chisss, cala, Lucía...
- Por que estamos calados?
- Por que estamos xogando.
- Por iso estamos debaixo da cama?
- Si, cala. estamos xogando ás agachadas.
- Pero, se estamos os dous debaixo da cama, quen  nos busca?
- Ummmmmmm... Mamá.
- Fiño.
- Que.
- É que mamá leva un cacho chorando e berrando na cociña.
- E que?
- Que non nos está buscando.
- Lucía, cala.
- Fiño, non me apertes, vasme mancar.
- Cala.
- ...
- Xa está, xa podes falar.
- Es parvo, fixéchesme dano.
- Era para que calaras cando entraron os zapatos.
- Pero non eran os de mamá!
- Por iso.
- Eran os zapatos de papá!
- Por iso mesmo.
- Pero el non está xogando ás agachadas!
- Xa o sei, Lucía, pero cando el entra hai que calar.
- Fiño.
- Que-
- E cando podemos saír de debaixo da cama?
- Cando se escoite o ruído da porta e veña mamá a buscarnos.
- Pero se mamá sabe onde estamos, non vale!
- Si que vale.
- Non, non vale porque ela non quere xogar ás agachadas!
- Ah, si, e ti como o sabes?
- Porque ela quere xogar aos pallasos! Non ves que sempre vén coa cara pintada de pallaso!
- Estate quietiña, Lucía, por favor.
- Eu non quero esstar máis debaixo da cama. Este xogo non me gusta.
- Vale, xa te oín, pero agora estate quieta. Cando se escoite o ruído da porta saímos.
- Estou enfadada, non me gusta.
- Veña, mañá xogamos a outra cousa.
- Si, Fiño? E a que? E a que?
- A ser invisibles.
- E como se xoga a iso.
- Xa o verás.
- E mamá vai xogar tamén?
- Tamén.
- E papá?
- Papá terá que encontrarnos, pero como seremos invisibles, seralle difícil. O importante é que non nos descubra, vale?
- Vaaaaale, podemos saír de debaixo da cama xa?
- ...
- Fiño.
- Que.
- Fixen pis.

ANEIROS, Rosa: Ás de bolboreta. Ed. xerais. Col. Fóra de xogo. (Pp. 187-189)





-

Ningún comentario:

Publicar un comentario