9/29/2014

Reo de Xesús Fraga

 
Este é o libro escollido para ler  cos alumnos e alumnas de 2º curso da ESO este primeiro trimestre . O autor é veciño noso, Xesús Fraga, e a temática tamén nos resulta próxima, pois vai de grafiteiros e iso, en Betanzos, abunda. Quizais Reo,o personaxe principal,  nos lembre a algún amigo ou incluso a nós mesmos. O que si sabemos é que nos vai caer ben, moi ben.
Eis tedes una entrevista ao autor, publicada en La Voz de Galicia, xornal no que traballa. Nela  fala desta obra, gañadora do premio Raíña Lupa. Estaría ben que tamén viñera falar connosco, non?
Na biblioteca temos xa exemplares dispoñibles.
 Veña, a que esperades? Comezamos a ler XA.   
 
 
 
«O rap é un xénero axeitado para contar a realidade»
 
Un adolescente grafiteiro protagoniza «Reo», a novela coa que o autor gañou o premio Raíña Lupa      Novo libro de Xesús Fraga (Londres, 1971). Trátase de Reo (Galaxia), co que gañou o premio Raíña Lupa de literatura xuvenil, e que protagoniza un grafiteiro de 17 anos.
 
  -¿Por qué escolleu un grafiteiro para esta historia?
  -O graffiti é unha presenza constante nas nosas paisaxes urbanas, pero son moi poucos os que reparan nel, e os que o aprecian, aínda menos. Hai un gran descoñecemento sobre as motivacións dun grafiteiro, e axudar ao lector a descubrilo era unha das miñas intencións coa novela.
 
  -O libro amosa un gran dominio do argot técnico, ¿foi vostede grafiteiro de rapaz?
  -Si, entre os 14 e os 20, máis ou menos, vivín con moita intensidade o graffiti e o seu mundo. Non pintei tanto como me gustaría, pero si que era moi activo coa cámara. Entre as miñas fotos e as que intercambiaba con grafiteiros de todo o mundo conseguín xuntar un álbum ben curioso. No básico o argot non cambiou.
 
  -Reo, o protagonista, quere encher a cidade co seu nome pero seu avó facía carteis de películas para o cine e non os asinaba. ¿E a mostra dun cambio social?
  -A novela tamén propón unha reflexión sobre o que somos, o que queremos ser e como nos ven os demais, a través dos nomes e alcumes que eliximos ou que nos poñen. Escribir o seu nome é a razón de ser dun grafiteiro, o que dá pé a preguntarse sobre a identidade. O avó, en cambio, é un artista anónimo, aínda que aí me interesaba máis recuperar esa artesanía desaparecida dos carteis dos cines antigos.
 
  -Reo non é dos que pintan monumentos, ¿cómo se diferenza?
-No graffiti hai de todo: quen quere ser «malo», quen pinta de xeito indiscriminado e mesmo guerrea cos colegas. Tamén están os que queren desenvolver o seu estilo ou difundir esta arte e prefiren facelo con máis tranquilidade. Para min, o ideal é quen elixe os sitios que pinta tendo en conta o contexto e as súas consecuencias. Reo é consciente da historia da arte e nunca pintaría sobre algo con valor patrimonial.
 
  -O xurado salientou a temática actual e a linguaxe directa, ¿podería chamarse literatura rap?
  -Esta historia acontece agora mesmo, coa crise de fondo, e hai un personaxe que rapea sobre a trama, a modo de resumos. O rap sempre foi un xénero moi axeitado para contar a realidade.
 
  -Cando se presenta Reo e di «un ninguén, vamos», soa ao Balbino de Neira Vilas, ¿non?
  -Si, o comezo é unha homenaxe consciente a Balbino e tamén a Holden Caulfield, de O vixía no centeo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario