12/06/2014

Encontro con Xesús Fraga, o autor de Reo

 
 
  O venres 28 de novembro de 2014 Xesús Fraga, o autor do libro Reo, veu dar una charla ao IES Francisco Aguiar. Os alumnos e alumnas de 2º da ESO esperabamos á porta do salón de actos. O escritor e xornalista chegou. Vestía un abrigo negro e un pantalón marrón. A barba facíao máis vello do que en realidade é, pero dáballe un aspecto máis serio. Na man levaba un paraugas negro. Pareceume un tipo sinxelo, con pouca pinta de escritor. E entón decateime de que xa o tiña visto antes no parque infantil. Sempre me chamou a atención porque lía seguido; sempre estaba esperando cos ollos postos no libro, a maior parte das veces de pé.
   Entramos no salón de actos coma tolos e sentamos por grupos. Nas últimas clases de lingua galega estiveramos falando do libro e tiñamos preparadas preguntas para facerlle a Xesús Fraga.
   O escitor subiu ao escenario e permaneceu todo o tempo de pé. Ninguén se atrevía a romper o xeo. Soe pasar sempre, primeiro ninguén fala e logo falta tempo para preguntar. De súpeto un valente preguntou sobre Lee, o can de Chagui. A esta pregunta seguiron outras referentes ao libro, pero sobre todo sobre a súa faceta de graffiteiro. Falou dos seus amigos graffiteiros e de que coñeceu esta arte en Londres, onde pasaba os veráns na casa da súa avoa. Deu a entender que o graffiti é una maneira de expresión un pouco perigosa. O seu primeiro debuxo fíxoo no antigo edificio que agora alberga os xulgados. Un bo sitio para comezar! Tamén dixo que as autoridades os tiñan controlados porque coñecían o estilo de cada un , polos graffitis permitidos. Do libro, ademais doutros aspectos, comentou o seu final aberto para que cadaquén imaxinase a continuación da historia.
   Pasou a hora sen decatármonos. O timbre colleunos por sorpresa. Foi una pena porque o tempo foi escaso e quedaron moitas preguntas sen facer.
VIOLETA SILVA SÁNCHEZ, 1º D
 
 
O venres tivemos una charla co escritor Xesús Fraga. Ao principio pensei que ía ser a típica charla na que el fala e nós escoitamos aburridos, pero non. Resultou ser divertida, porque non falou el só, fixémoslle preguntas que el nos contestou. Ao principio foi difícil, pois tardamos en preguntar, pero logo todo resultou moito máis fácil.
   O escritor contounos cousas moi interesantese. A min sorprendeume moito unha das súas respostas: díxonos que el aínda tiña amigos que son pais e fan graffitis, porque lles gusta e non porque sexa unha moda; por iso a madurez non implica deixar de practicar esta arte.
   Eu fíxenlle unha pregunta da que me esperaba outra resposta. Pregunteille se os seus país sabían que era un garaffiteiro. Eu supoñía que non, pero contou que practicaba na casa e que incluso, algún dos seus amigos probaba as pinturas nas paredes do seu cuarto.
   Aínda que non tivemos moito tempo, resultou unha hora divertida, e ao fin e ao cabo fóra das aulas e da clase.
 
NURIA GOLPE PEDREIRA 2ºA
 
Xesús Fraga visitounos o 28 de novembro no salón de actos do IES Francisco Aguiar. Esperábamos con moitas ganas, pois tiñamos moitas preguntas que facerlle sobre o seu entretido libro. Despois de que Andrés lera una emotiva biografía, Xesús deu paso ás preguntas. A primeira custou moito, por vergoña, pero o meu amigo Adrián atreveuse. Quería saber sobre o can de Chagui. A Xesús fíxolle ilusión que a primeira pregunta fora sobre Lee, porque é un personaxe importante e aínda ninguén lle preguntara sobre el. A súa contestación foi moi longa , por iso só deu tempo a unhas cantas preguntas. A que máis me gustou tratou sobre o lugar do seu primeiro graffiti, no actual edificio dos xulgados. Contounos todas as transformacións que sufriu ese edificio, e que o seu graffiti foi alí, de verde. Tamén contou que no seu faiado  atoparon sacos de leite en po que trouxeran por causa da posguerra.
   Eu, nos últimos instantes, levantei con ganas a man, pero nada, non deu tempo e quedei coa dúbida do significado do final.
 
JORGE TAÍN ALEMPARTE 2ºD